viernes, mayo 04, 2007

TERCER PREMIO PARA ALBA!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!


jajajajaja


mucho dinero!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!


reconocimiento!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!

aqui está el trabajo que quedó de tercero:


Paisaxe nocturno

Hai tempo que non sentía o sucedáneo de felicidade do que fala tanta xente. Xa hai tempo que non pasan pola miña mente as mapoulas e as margaridas. Agora xa só vexo paisaxes nocturnos, luscofuscos que me enchen os ollos de bágoas, vendo que un día tras outro, o sol fai case o mesmo percorrido no ceo baleiro de sentimento. O peor é saber que en realidade o sol non se move, somos nós os que o facemos, e que ese ceo do que tanto falan é só unha ilusión, unha atmosfera que delimita o noso pequeno mundo. Non me apetece pensar que os campos verde claro cheos de cheirentas flores por onde musas cheas de beleza e felicidade corren e xogan, existen por aí e eu sigo por aquí, neste verde, admirable, escuro, vendo como a Dama das noites, que vai e ven cando lle parece, se vai rodeando da sempre noxenta e vomitiva corte, que só quere quitarlle protagonismo. E despois, o rapaciño entérase que a lúa e unha impostora, que en realidade as estrelas son as raíñas de diferentes países e que a lúa é simplemente unha insignificante condesa dunha pequena parte dese mundo, o que leva a pensar, que cada un de nós, ananos e merdentos en comparación coa Dama, somos aínda máis ananos, máis merdentos e máis enganados. Pero o firmamento nocturno aínda non está desvelado en toda a súa dimensión, e nunca o estará, mais cando escudriñas na túa razón e ves que o que pensabas que era insignificante é en realidade o maxestoso e viceversa, énchense os miolos de estrelas fugaces, que intentan chegar á plebe, pensas ti, que son estrelas que intentan caerlle ben ao público para que non se instaure unha república de nubes. E entéraste de que esas estrelas fugaces non son estrelas. Son unhas viles impostoras, máis insignificantes que a lúa, pero seguen sendo moito máis importantes que calquera dos seres humanos. Pero non pasa nada, porque aínda nos queda o consolo de quedarnos no noso pequeno planeta no medio dun, disque infinito universo, como unha especie superior, unha especie que ten pensamento, que a súa complexidade acada límites que non se poden sobrepasar, claro está, coa nosa mente. Porque, como se consegue pensar no máis complexo coa mente, que se cre a máis complexa, e non quere quedar por debaixo de nada nin ninguén, xa que se o fixera xa non lle quedaría ningunha escusa para a non extinción. Pero sigamos coa inmensa mentira da paisaxe do ceo na noite. Xa se puxo totalmente o sol, xa non queda máis luz que a das mentireiras que antes falábamos. E entón comezas a andar por camiños de terra, polos que pasaron miles de pasos antes ca ti, mirando ao fronte, sen rumbo fixo, simplemente co rumbo dese camiño. Un paso tras outro, procurando non tropezar coas múltiples pedras que atopas cravadas no chan. Un paso tras outro, case ás escuras, no que o vento suave ou forte da unha sensación de estar sempre perseguido polas miradas indiscretas das almas en pena. E un paso tras outro chegarás á beiriña do mar, a un precipicio dos moitos da Costa da Morte, e oirás, segundo moitos, ao mar intentando conquistar dunha vez a terra. Coa constancia característica das ondas, pon o seu empeño en adentrarse o máis posible, nunha batalla da que non se recorda o principio e non se sabe se terá final. Nesa loita o mar conseguirá avanzar un pouco, con moito esforzo, quizais demasiado, durante miles de anos, mentres que a terra tamén conseguirá puntos estratéxicos no medio del. Pero eu, persoal e intransferiblemente penso que en realidade, o mar leva millóns de anos tentando seducir á terra, chegar ao seu corazón ardente para fundirse os dous nunha nova materia, en algo nunca visto no que se poderá vivir en paz e felicidade, o paraíso tan desexado por todo ser humano que non entende, e tampouco chegará a entender de todo o seu principio, a súa historia e o seu final. Pero dubido se nesa masa, na que tanto as especies acuáticas como as terrestres poderán vivir, se conseguirá vivir mellor, todos en harmonía, en felicidade e paz como quero repetir a ver se se encontra por aquí, ou será un mundo peor, no que non se poderá nin vivir nin morrer, unha sensación de afogo constante, que nunca chega a asfixiar. Ao mellor é un macabro plan da lúa, en colaboración co sol, que provoca o vento, que provoca unha importante erosión coa axuda da auga, para que os seres terrestres se volvan tolos e provoquen a destrución do seu propio fogar e o dos demais, para ao fin, despois de que os malditos humanos estivesen andando pola súa superficie, declarándolle todos os defectos no cute albino e seco, despois de ter que contemplar como a Terra conseguía vida, mentres ela só conseguía a privación da súa privacidade, con tantos millóns de ollos espreitando a súa face, para ao fin, como ía dicindo, conseguir a emancipación gravitatoria e ser libre, na súa feliz anarquía, librándose da ditadura do noso planeta, que non a deixa mostrar outra cara a toda a humanidade. Ao chegar a este punto, xa non se sabe se a lúa é a culpable, se o sol, se as estrelas, se o mar, se a terra ou a Terra o son. Ou se todos ou ningún. Pode ser que o ser humano, coa invención da sociedade perdese un pouco desa felicidade instintiva, que viña marcada na información xenética dende a primeira célula procariota, pasando polas amebas, peixes, chegando ata os primates. Prioridade do home como especie debe ser coñecer cando, na complexa evolución da que aínda se dubida, se perdeu ou mutou o xen da felicidade. Unha teoría sería a mutación do xen, dando lugar a algún enzima, ou proteína ou algo que nos fixese crer en algo superior a nós. Pero recordemos que sigo ao pe do mar, despois de recorrer un camiño de terra, que terei que desandar para chegar outra vez á hipocrisía da vida, e antes observei o ceo. O que fixen anteriormente xa non ten sentido na miña vida, que en realidade agora é cando noto que a estou vivindo, aínda que non me quedan ganas de nada, nin de vivir nin de morrer, polo que aínda desexo que o mar chegue a conquistar á terra, que lle regale flores de sal ou bombóns de balea. Por iso aparecen, ás veces, cetáceos varados nas praias. Son como os antigos sacrificios, ofrécellos á súa terra querida como proba de amor. E mentres, o mar, evapórase para chegar a caer sobre a súa amada, espido, sen sal nin animais, para ver se así lle fai caso. Pero non. Vexo que ao lado do mar comeza un monte, de carballos, piñeiros e castaños. Inverosímil, pero... métome nas súas entrañas, cheas de toxos, coas súas flores amarelas, e sobre todo, cos seus pinchos, coas súas desagradables, pero á vez necesarias púas, coas que por fin sinto algo e noto como o meu sangue avanza pola perna, cálido. Vexo a lúa entre a ramaxe dos carballos e gústame a visión do mundo que me da este lugar. Xa estou esgotado, suando e respirando pola boca. Vexo un claro no que só existen xestas, herbas e algún toxo. A lúa e as estrelas vense claramente. O mar, máis lonxe que antes, só é un murmullo entre o movemento das pólas das árbores polo vento das miradas indiscretas. Xa non se oen nin coches, nin xente berrando, nin fábricas, nin choros, nin nada. Absoluta calma e sosego. Agora estou na casa, con mentireiros como o ceo e amantes frustrados como o mar e a terra. Este é o meu fogar, non penso volver. Non quero nin vivir nin morrer, pero pode que ao final escolla o segundo, xa que o mar aínda non conseguiu nada. Algunha vez chegará a conseguilo, será entón cando xa non será nin día nin noite, haberá nubes, e veranse as estrelas. Será perfecto ou un inferno, como agora. Aquí chego a sentir o sucedáneo. Fáltalle algo de sacarina, pero non se está mal.




para que lo pondré si ni dios va a leerlo???????????????